|
Informe
remitido pola Xunta Directiva da S.G.H.N. en Ourense o 14-11-2001 ó Ministerio
de Medio Ambiente, o 28-11-2001 ó Ministerio de Pesca y Alimentación e o
08-02-2002 á Deputación Provincial de Ourense en relación ó Proxecto de
estación de esquí en Pena Trevinca (Ourense)
Dende
hai pouco máis dun ano un particular intenta por tódolos medios vender á
opinión pública un proxecto titulado "Estación de Esquí e Montaña en
Pena Trevinca. A Veiga (Ourense)". Como este proxecto se ubica nunha zona
ourensá de alta monta a con valores naturais relevantes, a Delegación da
Sociedade Galega de Historia Natural en Ourense realizou a seguinte análise
baseado na información recollida nos medios de comunicación social,
entrevistas e datos propios.
De
acordo co anterior, o promotor garante:
O
éxito económico do proxecto.
Postos
de traballo
Respecto
para o medio ambiente.
1.- Antecedentes.
1.1.- Custe do proxecto.
Nun
principio falouse dunha inversión de 6000 millóns de pesetas, que logo
reducíronse a 4000, anque parece que serían 4.500 a investir en dúas fases.
Para conseguir esta cantidade, o autor do proxecto propón a formación
dunha entidade xurídica cun capital social de 1000 millóns de pesetas que
aportarían: as Comunidades Autónomas de Galicia e Castela-León; as Deputacións
de Ourense e Zamora; os Concellos de A Veiga e Porto, a Comunidade veciñal e
outras persoas físicas e xurídicas. Así, a Comunidade veciñal aportaría o
5% en terreos, a iniciativa privada o 10/20% e as entidades públicas, o 75/85%
restante.
Dise
que a inversión estimada para a 1ª fase é de 3.200 millóns de pesetas, dos
cales un 40% (aprox. 1.300 millóns) preténdense extraer de subvencións
oficiais (Fondos Europeos, Estado, Autonomía) e o 60% restante (aprox. 1.900
millóns) de "Apartacións" financiadas con créditos e hipotecas.
1.2.- Postos de traballo
Prométense
80 directos e máis de 240 indirectos. Sen embargo afirmase que a explotación
funcionaría 150 días o ano como máximo; con 100 días de baixa actividade e
50 de alta. O persoal necesario calculado, é de 30 persoas para o período
baixo e 60 para o alto.
1.3.- Respecto para o medio ambiente
A
estación de esquí situaríase no lugar denominado "O Chouzo do
Escabadoiro" (U.T.M. 29TPG8078), no concello ourensán de A Veiga, o sur do
de Carballeda de Valdeorras e o oeste do zamorano de Porto. Para chegar a esta
paraxe o promotor pretende que se abran tres novas estradas cunha lonxitude
total de 23,5 km e unha explanación de ata 14 m; nalgunha a pendente acadaría
o 10%.
Ademais
tenderíanse 20 km de liñas eléctricas, xunto cos transformadores
correspondentes e construiríanse edificios, depósitos, viais, dezaoito ou
dezanove pistas de esquí, un heliporto e un aparcamento para 1600 vehículos
(1.500 particulares e 60 autobuses). Este gran aparcamento da idea da magnitude
das obras a realizar tendo en conta que equivale a 19 ou 20 campos de fútbol.
A
auga potable captaríase dos mananciais existentes nos cumios de "O
Xencianal" e a destinada o uso industrial extraeríase do río Xares. Para
almacena-las enormes cantidades que necesita a estación, construiríanse
grandes depósitos.
As
augas residuais trataríanse nunha depuradora dimensionada para unha poboación
de 2.500 habitantes. A depuradora vertería no río Xares, ó que tamén irían
a parar as augas pluviais e as de escorrentía.
A
superficie total ocupada sería de 600 ha, algo menos que a urbana
correspondente a Ourense capital que é de 880 ha.
En
canto a afluencia humana manexase a cifra de 250.000 persoas por ano, coa
presencia diaria de 3.000 ou 7.500, segundo as fontes. Convén subliñar que o
concello de A Veiga, cunha superficie de 29.049 ha, ten unha poboación de 1498
habitantes, e unha densidade de 5,1 por km2.
2.- Análise.
2.1.- Custe do proxecto.
Na
entidade xurídica que pretende crear o promotor para poñer en marcha o
proxecto, a inversión inicial privada é dun 10 a un 20%; o resto é diñeiro público
de institucións as que se lles fixa unha cota en función da súa influencia e
peso político. A forzada inclusión da Comunidade veciñal, que é unha
entidade xurídica privada, resulta obrigada por se-la propietaria dos terreos
comunais nos que se pretende instalar a explotación de esquí. A súa achegación
en terreos valórase en 50 millóns de pesetas, equivalentes o 5% dos 1000 millóns
iniciais.
Así,
descontando a participación veciñal, a inversión pública sería dun 75 a un
85%. O parecer esta porcentaxe descendería ó 40% no transcurso da denominada 1ª
fase do proxecto, baseándose nas hipotecas sobre as obras realizadas cos 950
millóns iniciais e con créditos bancarios.
En
canto á necesidade destes créditos e hipotecas non queda clara si como se
afirma hai un grupo de inversores locais que xa te en cubertos 4000 millóns de
pesetas.
A
participación da Xunta de Castela-León non parece consolidada e, pola súa
banda, a Comunidade veciñal esixe o pago anual de 20 millóns de pesetas como
arrendamento dos terreos, cantidade que o promotor considera imposible de pagar
co volume de ingresos previsto.
2.2.- Postos de traballo.
Dos
que se indican, seis corresponden á dirección; o que representa o 10% do total
en tempada alta e o 20% en tempada baixa. Estes postos directivos considéranse
fixos e aproximadamente representan o 33% dos soldos do persoal.
2.3.- Efectos sobre o medio ambiente.
A
estación de esquí sitúase na zona de maior altitude de Galicia, característica
que, ata agora, mantívoa relativamente illada e conservada. Os impactos
negativos que a explotación xeraría sobre a xea, flora e fauna virían
determinados, mentres se desenvolven as obras, en primeiro lugar polos
movementos de terras e as ocupacións de solo para a urbanización propiamente
dita, as pistas de esquí e os remontes; en total unhas 80 / 100 ha. Amais
existe unha zona de influencia doutras 500/520 ha, tamén afectada por edificacións
de varias clases, captacións de auga, depósitos, viais e estradas.
Os
impactos inciden directamente sobre aspectos físicos tan importantes como os
cumios, as cabeceiras e concas dos ríos Xares e Bibei e as lagoas glaciares que
aínda se conservan. Así nos cumios, relacionados de norte a sur, construiríanse
as seguintes obras:
Pena
Negra, (2119 m de altitude s.n.m.): telesilla cuatriplaza e hangar.
Pena
Trevinca, (2127 m de altitude s.n.m.): telesilla cuatriplaza e hangar.
Cumios
de O Xencianal, (2029, 2039, 2028 y 2042 m de altitude s.n.m.): captación de
mananciais de augua potable; construcción dun depósito de 500 m3; construcción
dun edificio para tratamento e bombeo. Estes cumios distan uns 600 m. en dirección
S.O de Pena Trevinca.
Alto
da Xurbia, (2053 m de altitude s.n.m.): telesilla cuatriplaza e hangar.
Piatorta,
(2010 m aprox. de altitude s.n.m.): telesilla cuatriplaza e hangar.
Zona
intermedia entre Pena Negra e Pena Trevinca: Edificio, cafetería, fosa séptica;
depósito de 15.000 m3 para auga industrial; compresores, circuítos e 80 canóns
de auga.
Edificio
Pico: Cafetería, fosa séptica, garaxe para motos de neve.
Edificio
en zona de ampliación: similar ó anterior.
Ríos
e concas.
Río
Xares: Unha ponte para o vial da urbanización; pistas de esquí e catro pontóns
para as mesmas; captación de auga industrial; depuradora na marxe esquerda, no
límite perimetral da estación; urbanización de 500 m de marxes. Ó río
verterían directamente as augas pluviais e as de escorrentía.
Regato
da Xurbia: un pontón para a pista de esquí e a propia pista.
Regato
do Escabadoiro: canalización e reforma á entrada da estación. O regato verterían
directamente as augas pluviais e as de escorrentía.
Río
Bibei: Afectado o río e toda a súa conca dende o pobo de Porto (Zamora) por
unha das estradas de nova construcción para o acceso á estación.
Lagoas
de O Celo e A Serpe: Afectadas por unha das estradas de nova construcción para
o acceso á estación.
Lagoas
de Piatorta: Trasfego de persoas.
A
destacar que os cumios afectados por obras e instalacións son as máis notables
do Macizo, ó que dan nome, e constitúen a práctica totalidade das existentes
na superficie delimitada para a estación. Unha das obras previstas, o depósito
de 15.000 m3, equivale a unha construcción que ocupa a metade dun campo de fútbol
con tres metros de altura. Hai que considerar, ademais, os vertidos e
escombreiras xerados polas obras e as repoboacións con especies botánicas exóticas
ou foráneas para xardinería e arborado de adorno.
Na
fase de explotación, xunto coas ocupacións xa realizadas, os impactos serían
producidos polo tráfico automóbil ó longo das estradas de acceso e na estación,
con vertebrados atropelados, contaminación, ruído e lixo, engadido ó que
xeraría a elevada presencia humana, con pisoteo de grandes superficies, ruído
e desperdicios. Ó respecto indicar que os R.S.U. serían de tres a oito Tm./día.
2.4.- Efectos sobre a fauna e flora.
No
Macizo contabilizáronse 1 peixe, 12 anfibios, 13 réptiles, 100 aves e 36 mamíferos.
Para algúns anfibios Trevinca sinala o límite altitudinal da súa distribución
coñecida; hai un endemismo monotípico como é a Salamantica galega (Chioglossa
lusitanica), que acada na zona os 1.300 m. Outro endemismo ibérico o
Limpafoantes común (Triturus boscai), chega ós 1600 m.; o
Limpafontes verde (Triturus marmoratus) está presente ata os 1.700, a Ra
patilonga (Rana iberica), a Estroza (Hyla arborea) e a Ra verde (Rana
perezi) ata os 1.800 e o Sapo correqueiro (Bufo calamita), o
Sapo cunqueiro (Bufo bufo) e a Rá vermella (Rana temporaria), que
chegan ós 1.900 m.
Tamén
os réptiles están presentes en Trevinca, con varios endemismos, como o Lagarto
das silvas (Lacerta schreiberi), ata os 1500 m., a
Lagartixa da serra (Lacerta monticola, presente dende os 1400 m. e
a Lagartixa galega (Podarcis bocagei), que acada no Macizo os 1850 m.
de altitude. Existen amáis outras especies eurosiberianas como a Cobra
lagarteira común (Coronella austriaca), e mediterráneas como o Lagarto
arnal (Lacerta lepida), o Esgonzo común (Chalcides chalcides), a
Cobra rateira (Malpolon monspessulanus), a Cobra lagarteira
meridional (Coronella girondica) e a Víbora de Seoane (Vipera seoanei
cantabrica).
Entre
as aves destaca a presencia da Aguia real (Aquila chrysaetos), o Butre
leonado (Gyps fulvus), a Perdíz charrela (Perdix perdix) ó bordo
da extinción, o Búfo real (Bufo bufo) en idéntica situación que a
anterior, o Merlo rubio (Monticola saxatiles), a Choia biquivermella (Pyrrhocorax
pyrrhocorax), a Gralla cereixeira (Corvus monedula) e o Corvo viaraz (Corax
corax). O Somorgullo pequeno (Podiceps ruficollis) niñifica na Lagoa
de O Celo, xa no límite altitudinal da especie polo que a súa niñificación
pode considerarse como excepcional. Nesta lagoa tamén está presente o Alavanco
real (Anas platyrhynchos).
En
canto ós mamíferos destacan o Lobo (Canis lupus), o Raposo (Vulpes
vulpes,) o Armiño (Mustela erminea), o Tourón (Mustela
putorius), a Marta (Martes martes), a Garduña (Martes foina),
o Teixugo (Meles meles), a Londra (Lutra lutra), a Algaria (Genetta
genetta), o Gato bravo (Felis silvestris), o Porco bravo (Sus
scrofa) e o Corzo (Capreolus capreolus).
Na
flora hai que sinala-la presencia de numerosos taxóns con maior ou menor
grado de endemismo. Ó respecto indícanse uns 25 ou 30 dos cales polo menos 12
serían endemismos exclusivos de Trevinca. Na realidade o coñecemento actual e
a investigación das especies botánicas, neste e noutros macizos ourensáns, no
é o axeitado e precísase tempo para a realización de estudios de maior
profundidade.
Como
endemismos exclusivos de Trevinca citanse os seguintes: Agrostis tilenii,
Campanula cantabrica occidentalis, Desmazeria marina pauciflora, Dianthus
merinoi, Genista sanabrensis, Helianthemun croceum rothmaleri, Jasione
brevisepala, Luzula caespitosa, Potentilla recta asturica, Santolina
rosmarinifolia semidentata y Thymelaea coridifolia dendryobryum.
2.5.- Protección legal
O
Macizo de Trevinca é un espacio natural protexido, dende xuño de 1991, polas
Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Xunta de Galicia e polas
Normas Subsidiarias de Planeamento de A Veiga aprobadas o 15 de abril de 1997.
Amais, de acordo coa transposición ó ordenamento xurídico español da
Directiva 92/43/CEE, figura incluído na Rede Europea Natura 2000.
A
Xunta de Galicia non tivo mais remedio que incluílo provisionalmente no
"Rexistro Xeral de Espacios Naturais", por Orde do 7 de xuño do 2001,
publicada no Diario Oficial de Galicia nº118 do 19-06-01.
3.- Conclusións
O
éxito económico da explotación proxectada, descansa en subvencións públicas
a fondo perdido. Nembargante a participación pública non parece necesaria si,
como se afirma na prensa, hai un grupo de inversores locais que xa te en
cubertos 4000 millóns de pesetas.
De
calquera maneira os ingresos previstos para unha inversión de 4500 millóns de
pesetas non van producir os rendementos suficientes, segundo publica a mesma
prensa que se ocupa de promociona-la explotación, para pagar o aluguer das 600
ha veciñais fixado en 20 millóns anuais.
As
inversións económicas e os postos de traballo que se crean, son obxecto dunha
activa campaña de publicidade, que está xerando unas expectativas esaxeradas,
(concesión do Leader Plus, retorno de emigrantes, a solución económica para a
zona e subvencións aseguradas de todo tipo, entre outras) para xustificar a
utilización de fondos públicos. Nembargante no mellor dos casos crearíanse
uns cantos postos de traballo temporal e precario, que non acadan sequera os
seis meses continuados, excepto para os directivos que é fixo.
Esta
clase de proxectos, logo das presuntas ganancias empresariais iniciais, acaban
sempre a cargo das Administracións Públicas, é dicir, pagadas as súas
cuantiosas perdas e millonarios déficits por tódolos cidadáns. Na provincia
de Ourense hai dous exemplos notorios que son o Club Náutico de Castrelo de Miño
e a estación de esquí, "Manzaneda Estación Invernal, Sociedade Anónima"
(M.E.I.S.A.), da que por certo foi administrador prominente, durante moitos
anos, o particular que agora promove esta nova aventura económica.
En
canto ó medio natural, non existe salvagarda posible cunha explotación como a
que se pretende e non parece probable, polo tanto, que se lle destinen fondos
europeos. Así, o impacto sobre a xea sería moi grave, coa súa destrucción na
zona de obras e na superficie ocupada polas dezaoito, dezanove pistas de esquí,
e total para a fauna e flora. Hai que considerar que, por exemplo, a densidade
poboacional aumentaría de 5,1 habitantes por km2 (media do concello moi
superior á real da zona explotada) a 500 e aínda 1333 habitantes por km2, de
acordo coas cifras de afluencia publicadas.
A
todo esto o promotor, como medida correctora concreta, construiría unha
E.D.A.R. que unicamente depuraría un tercio dos vertidos residuais desta enorme
poboación.
En consecuencia e
CONSIDERANDO:
Que
a explotación construiríase nunha das zonas máis sensibles do Espacio incluído
na Rede Natura 2000 e con 600 ha urbanizadas, ocupadas e transitadas, afectaría
a fauna, flora xea dos cumios principais e os nacementos de dous ríos e as súas
concas e a dúas lagoas glaciares relictas.
Que
se trata dunha actuación especulativa gravemente lesiva para o medio natural.
Que
non parece polo tanto probable que se lle destinen fondos europeos dalgunha
clase, nos que precisamente basea a súa viabilidade.
Que
de acordo co publicado, non xerará beneficios suficientes nin para pagar o
aluguer anual dos terreos sobre os que se pretende asentar.
Que
actuacións como esta fanse posibles cando non existe, como no caso de Ourense e
Galicia, unha Ordenación do Territorio nin plans para un desenvolvemento
integral sostible.
Que
no Plano Estratéxico da Provincia de Ourense, encargado polo Instituto Ourensán
de Desenvolvemento a empresa LKS Consultores S.Coop., indicase como una
necesidade "a ordenación do territorio, co obxecto de lograr una ocupación
máis racional e equilibrada do espacio" e así mesmo preconizase "a
creación dunha rede de espacios naturais protexidos."
SOLICÍTASE:
Que
ó amparo da normativa comunitaria e española vixente e no uso das atribucións
que lle competen, a Deputación Provincial de Ourense, asegure a conservación
íntegra deste espacio natural, impida a construcción de estradas e calquera
outra obra lesiva a cargo do Plan Leader Plus, non destine subvencións ou
axudas para a súa destrucción e rexeite esta iniciativa particular que, ó
igual que outras e polas súas cuantiosas perdas económicas, acaban sempre
"socializadas", con cargo ós presupostos do Estado ou das Comunidades
Autonómicas.
O
que se lle comunica por acordo de 05-02-2002 tomado pola Xunta Directiva da
Delegación en Ourense, da Sociedade Galega de Historia Natural.
Ourense, 6 de febreiro de 2002
|